Jordi Sierra i Fabra, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

Categoría: Nova

Jordi Sierra i Fabra (Barcelona, 1947) é un autor de grandes públicos e de extraordinaria eficacia narrativa. O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, promovido polo Ministerio de Cultura, foille concedido polo libro Kafka y la muñeca viajera, editado no ano 2006. No xurado, presidido por Luis Mateo Díez, participaron por Galicia o escritor Euloxio Rodríguez Ruibal, en representación da Real Academia Galega, e Dolores Vilavedra, en representación da Organización Española para o Libro Infantil.

O primeiro libro publicouno Sierra i Fabra no ano 1972, unha historia da música pop, mais dende entón leva escrito máis de 200 títulos, a meirande parte deles dirixidos aos lectores mozos. A súa capacidade para localizar temas de interese, abordados cunha perspectiva de actualidade e con áxiles recursos narrativos, garante a súa aceptación e o seu éxito entre ese público.

Na Colección Oeste de Editorial Galaxia, Sierra i Fabra leva publicados ata agora tres títulos. O primeiro, Nun lugar chamado Guerra (tradución de María Cameselle), do que van tres reimpresións, editouse en galego no ano 2002, logo de gañar o Premio Abril de Narrativa Xuvenil, que convocaba daquela Editores Asociados e Ámbito Cultural-El Corte Inglés, e no que participaban orixinais procedentes das catro linguas do Estado.

A segunda novela de Sierra i Fabra, publicada en galego tamén na colección Costa Oeste, foi Durmido sobre os espellos (tradución de Silvia Gaspar), da que van tamén tres reimpresións na nosa lingua. E posteriormente, no ano 2007, Soidades de Ana.

Sierra i Fabra ten no seu haber unha chea de premios literarios, entre eles o Ateneo de Sevilla, Gran Angular, Vaixell de Vapor, Premio Abrio, Premio Edebé, etc. O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil está dotado con 15.000 euros.

Da man de división comercial de Editorial Galaxia, Jordi Sierra i Fabra ten visitado numerosos colexios de Galicia comentando os seus libros con lectores e lectoras novos e cambiando impresións e suxestións cos profesionais do ensino arredor das estratexias cara a animación á lectura. Para máis información sobre o autor e a súa obra pódense consultar outros apartados desta mesma Web.

Comparte nas túas redes sociais ou por email