Ilustrados

Categoría: Opinión

Novos espazos se abren na rede, coma este, para dar voz aos que habitualmente non a usamos; aos que falamos a linguaxe das cores, das formas, e dos volumes. Espazos abertos a esa linguaxe, a dos ilustradores, que, sen palabras, pode dicilo todo, sentilo todo. Unha linguaxe que tamén comprenden os que non saben aínda ler as palabras, os nenos que a través dela percorren narracións visuais, aprehenden metáforas e hipérboles, sinécdoques e paralelismos. E todo elo sen saber ler palabras. Porque esta é unha linguaxe cunha alta dose de poética ancestral, que esquiva os filtros da razón para meterse de cheo no ser, no lector, no neno. Espazos coma este poñen en valor o enorme poder denotativo e, como non, evocador da imaxe, que conta tanto polo que mostra como polo que agocha, e que esperta curiosidades. Nesas doces mentes imperfectas. E establece co pequeno lector unha complicidade porque tamén el sabe falar coa imaxe. E será a imaxe a que o leve da man ás liñas, aos parágrafos e aos libros. E xa daquela, cando saiba ler as palabras, terá vivido un cento de historias.

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email