Europa e a Xeración Nós

Categoría: Nova

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, inaugurou en Santiago de Compostela (Museo do Pobo Galego) e na Casa Grande de Cimadevila (Trasalba), sede da Fundación Otero Pedrayo, as conmemoracións do Día de Europa cunha homenaxe á memoria histórica e á significación europeísta da Xeración Nós.

Trátase dunha viaxe histórica polos sinais de identidade da cultura galega e as súas raiceiras europeas, dende a cultura prerromana e castrexa ata os nosos días (as institucións galegas na UE), cunha referencia especial ao discurso europeísta de autores como Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Florentino López Cuevillas, Ramón Cabanillas, Villar Ponte, etc, dende as Irmandades da Fala ata a postguerra. Os "pais da patria galega" soñaron e imaxinaron un país profundamente encardinado coa cultura, a historia e a civilización de Europa. Os visitantes poden acceder ao artigo "Perante a Unión Europea" que Alfonso R. Castelao publicou no periódico A Nosa Terra en 1948 e que está tamén dispoñible nestas páxinas en PDF.

En Trasalba, o presidente Touriño descubriu unha placa de bronce, obra do escultor Buciños, no que se recorda a significación europeísta da Xeración Nós, e nos salóns do Museo do Pobo Galego exponse un demorado discurso que inclúe a Declaración Schuman, documento histórico no que se proclama o futuro da Unión Europea, presentado publicamente en 1950, o mesmo ano da morte de Castelao en Buenos Aires.

En palabras de Otero Pedrayo: nunca Galicia se sentiu tan de seu como cando se sentiu profundamente europea, dende a Gallaecia romana e o Camiño de Santiago, dende o Románico e Xelmírez, ata a Xeración Nós. Castelao viaxa a Europa e escribe As cruces de pedra na Bretaña (1930), anticipo do que logo será As cruces de pedra na Galiza (1950). O Diario de Castelao (1921), cuxo orixinal está no Museo de Pontevedra, publicado tamén por Galaxia, da conta deste descubrimento europeísta que, en grande medida, é a confirmación da descuberta da propia identidade galega.

Na mesma liña debemos entender a novela Arredor de si, de Ramón Otero Pedrayo, da que se fixo unha edición facsimilar, acompañada dun ensaio do presidente da Xunta, para estas conmemoracións, ou A romaría de Xelmírez (1934), do mesmo autor. E outrosí Miteleuropa (1934) de Vicente Risco, por citar algúns textos da época. A revista Nós, que concibe Galicia coma unha "célula de universalidade", cultura moderna que dialoga coas culturas todas do seu tempo, é asemade unha revista profundamente europeísta. Galeguismo e europeísmo aparecen como dous discursos complementarios, esencialmente unidos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email