Corvos Mariños

Categoría: Opinión

Dylan Thomas invócaos nun poema: Polo río cheo e inclinado e o mar que zigzaguea/ Onde os corvos mariños voan. Nada sabía eu deles ata que vin ao mar. Daquela estaban en perigo. Disparábanlles dende as proas dos barcos e dende os peiraos. Desenvolveuse entón un plan que axudou a recuperar a especie. Hoxe vense en cidades e vilas mariñeiras, sobre penedas e sinais marítimos, pero tamén en Lugo e Ourense, no Miño ou no Sil. Eu vinos nos Picos de Europa.
Agora, a U.E. propón sacrificar miles destas aves que aumentan en número, din, polas plantas de acuicultura. É certo que onde estas verten libremente os residuos -restos de penso, excrementos e medicamentos- medran os bancos de muxes e neles comen gaivotas e corvos mariños. Tal é a festa, que hai quen vai pescar pola técnica de “a roubar” -lanzar a brinca sen carnada- pillando o peixe por onde lle cadra. Cando rematen co exceso de corvos mariños e os muxes se estendan polo litoral, quen controlará a súa expansión? Non sería mellor obrigar ás piscifactorías a depurar os seus detritos?

Comparte nas túas redes sociais ou por email