Chus Nogueira

Categoría: Recensión

Sempre é para min unha boa nova saber da publicación dun libro de relatos, e a miúdo tento, alí onde me poidan ler ou escoitar, afastar algunhas das sospeitas que tantas veces asombran estes volumes: a de seren unha compilación de "retallos" escritos aquí e acolá, a de seren "ensaios de narrativas maiores" e, en definitiva, a de pertenceren a un xénero literario dependente da novela ou inferior a esta. Quizais non estea de máis esconxurar tales sospeitas á hora de recomendar a lectura de Acordes náufragos, aínda máis se temos en conta a recoñecida traxectoria de Antón Riveiro Coello no xénero novelístico. Con independencia da cal fose a xénese dos relatos nel incluídos, o libro é máis que unha compilación de materiais. É un conxunto de narracións que consegue envolver a quen as le nun universo sólido e fascinante.
O título do volume adianta xa dúas liñas delimitadoras de tal universo. Unha delas é o naufraxio, sexa este real –o do vapor Santa Isabel, na ría de Arousa, en 1921– ou persoal, sexa metafórico ou o marabilloso. A outra é a música, os acordes da banda sonora de cada relato que acostuma desempeñar nel unha función principal. Do libro gozarán especialmente aquelas persoas ás que lles guste mergullarse en universos fantásticos habitados por personaxes admirábeis e nos que ocorren acontecementos fabulosos. Non obstante, un dos grandes valores da obra radica para min na maneira na que o seu autor é quen equilibrar tales universos para, ancorándoos na realidade, facelos verosímiles: documentando os relatos con feitos e personaxes reais, botando man do soño como explicación, ou incorporando personaxes que, pola súa condición, serven de ponte entre un e outro mundo. É o caso dos nenos, coa súa inocencia, dos loucos, dos doentes, dos insomnes, da enmeigada ou da santeira que conviven no volume.
As historias fabulosas e, aínda así próximas, de Acordes náufragos avanzan con fluidez tiradas pola intriga, ferramenta manexada con habilidade que, xunto cunha linguaxe empregada con esmero, é outra boa razón para a lectura do libro que desde aquí recomendo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email