Acompañada dos seus amigos, moitos deles membros das Redes Escarlata e, sobre todo, lectores da nova poesía que se está a facer en Galicia, Oriana Méndez (Vigo, 1984) presentou en Santiago de Compostela o seu primeiro libro: Derradeiras conversas co capitán Kraft, publicado na colección DOMBATE. Un libro sorprendentemente maduro, segundo as intervencións dos presentadores: o director de edicións de Editorial Galaxia, Carlos Lema, e os poetas Antón Lopo e Xabier Cordal.

Madurez e sorpresa. Esixencia crítica e unha forte personalidade. Carlos Lema felicitouse pola aparición dunha nova voz, tan fresca coma creativa, no panorama poético, que segue a ser o eido onde máis creatividade e vitalidade se manifesta.

Antón Lopo reclamou a atención para esta nova presencia e salientou aspectos moi concretos do poemario, entre eles a capacidade para construir tamén un espazo narrativo. Calificou o libro de espléndida e sorprendente madurez, malia a xuventude obxectiva da autora.

Xabier Cordal, con humor, falou da existencia de varias xeracións na poesía galega: "a xeración dos 80, a xeración dos 90 e a xeración espontánea", mais reivindicou unha poesía fundamentada na visión e interpretación lúcida da realidade. "Seguimos aquí", exclamou. "Estamos aquí. Non renunciamos a que as cousas poidan ser doutra maneira".

Dende o público houbo tamén intervencións, entre elas a da poeta Chus Pato, saudada como autora de referencia por parte das novas xeracións. Todos leron textos das Derradeiras conversas do capitán Kraft. O acto tivo algo de velada poética e moito de festa, de complicidade xeracional, de alegría, de inauguración, diante da presencia dunha voz nova e xa celebrada na poesía de Galicia. "O libro xa é voso, non meu", rematou a autora.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR