Unha homenaxe literaria á nai do poeta, tomada como obxecto de ficción, mais tamén un "artefacto" literario autónomo, que turra do lector e o enguedella nunha trama intensa e intrigante.
A escritora Rexina Vega e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, acompañaron ao autor na presentación da obra, na derradeira xornada de actividades da Feira do Libro de Vigo.
Todos coincidiron no mesmo, tamén parte do público que interveu no coloquio: a alta calidade de estilo, a accesibilidade do relato, a intriga do argumento, que vai crecendo en intensidade segundo avanza a historia, e o pano de fondo da guerra civil e da postguerra (sobre todo da postguerra, na cidade de Vigo), cuestión que ocupou bastantes minutos do debate.
"Pero non se trata dunha novela sobre a guerra civil", advertiu o autor. "Nin tampouco sobre a postguerra. Trátase dunha historia que, coa memoria dos meus país de fondo, fun tecendo ao longo de meses, e que en certa maneira complementa, a xeito de homenaxe, libros anteriores meus como "Memoria de poeta" (2006) ou "Tempo de pai" (2008).
Rexina Vega insistiu na memoria como factor básico na construcción do relato e mesmo na identidade do escritor: memoria que, no caso da guerra civil e a postguerra, pode dicirse que marca toda una xeración.
Víctor F. Freixanes falou de dúas historias de amor e unha crónica de fondo: "a crónica é o ambiente do Vigo da postgerra, que está moi conseguido; as historias de amor son dúas: a dos protagonistas (Amalia e Ramón), que construen o seu futuro contra a adversidade, e a historia do narrador perante a memoria dos seus país".
Un excelente consello de lectura para estes días de verán, na compaña dun dos nosos autores mais celebrados!

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR