Preséntase O segredo das Burgas en Ourense

Categoría: Nova

Hai cousa dun mes, chegaba ás librarías O segredo das Burgas, a novela coa que Andrés Pombo Gaña debuta na narrativa galega, unha obra que sorprende pola súa enorme madureza, e que nos vai enguedellando dende os primeiros capítulos para non soltarnos. Unha novela luminosa malia a moverse na escuridade, no misterio e o terror que se agochan nas súas páxinas. E o martes 22 de xaneiro, ás 19:30h, estaremos no Espazo Lector Nobel de Ourense con Andrés Pombo para presentala. Acompañando ao autor estará o director xeral de Galaxia Francisco Castro, e se es un amante de Auria e da súa historia, non deberías perder a oportunidade de achegarte. Porque O segredo das Burgas mergulla a quen a teña nas mans nas profundidades dun Ourense descoñecido. Porque o que ninguén sabe é que baixo as pedras da cidade se oculta un mundo de demos vingativos, un Averno espantoso que agocha segredos incribles polos que moitos poderían chegar a matar. Velaquí unha aventura de bruxería e corrupción, de demos que aprenden a ser mellores e de homes que poñen a súa vida ao servizo de causas satánicas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email