Preséntase en Santiago de Compostela Beleza vermella

Categoría: Nova

O pasado 9 de maio chegaba ás mesas de novidades Beleza vermella, a nova novela de Arantza Portabales. E hoxe, mércores 15 de maio ás 19:30h, estaremos na libraría Cronopios de Santiago de Compostela para asistir á súa presentación. Acompañando á autora estarán a escritora Inma López Silva e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
Beleza vermella, ambientada en Santiago de Compostela, é unha novela negra na que se desenvolve a historia dun crime que, en realidade, semella unha obra de arte. A asasinada é a sobriña da máis importante artista galega, e a maneira en que aparece o cadáver semella un dos seus traballos de vangarda. Unha obra que cuestiona ao lector sobre a posibilidade de que matar poida ser unha forma de arte. Unha investigación onde seis persoas, todas achegadas á vítima, son sospeitosas, porque todas poderían ter motivos para cometer o crime. O comisario Santi Abad, xunto a Ana Barroso enfróntanse a un caso no que o misterio tomará o papel protagonista. Polo medio, paixóns sen control e un manexo da intriga que fai desta autora unha das voces cruciais da novela negra contemporánea.

Comparte nas túas redes sociais ou por email