Presentamos a campaña Canta, miña pedra, canta

Categoría: Nova

Na mañá do xoves, o Museo do Pobo Galego acolleu a presentación á prensa da actividade Canta, miña pedra, canta, coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística da man da Editorial Galaxia pon en marcha unha nova edición do programa de dinamización da lingua galega FalaRedes. A presentación tivo lugar ademais aproveitando o gallo do Día Mundial da Poesía e do Día Internacional da Narración Oral, por tratarse dunha actividade que parte de poemas tradicionais recollidos por Antonio Fraguas, a quen se lle dedicará o vindeiro Día das Letras Galegas.
Xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaron na presentación de Canta, miña pedra, canta Justo Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas; Francisco Castro e Xulio Amigo, director xeral e director comercial de Editorial Galaxia, respectivamente; Charo Pita, actriz e contadora, e Xoán Curiel, músico, que interpretou para os asistentes unha das cancións que forman parte do espectáculo.
Tras o seu éxito con Estamos no verán!!! e con A casa do terror, Xoán Curiel volve ao FalaRedes acompañado desta volta da actriz, escritora e contadora Charo Pita. Faino cunha actividade dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos e ás súas familias que xira arredor dos relatos populares galegos e mais de cancións que don Antonio Fraguas, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, recolleu nas súas Aportacións ao Cancioneiro de Cotobade. O espectáculo, que abre a edición 2019 do programa de dinamización lingüística FalaRedes, forma parte da programación institucional que a Xunta de Galicia desenvolve para celebrar as Letras Galegas e honrar o intelectual arredor do que xirará o vindeiro 17 de maio.
Canta, miña pedra, canta percorrerá esta primavera, baixo xestión da Editorial Galaxia, 14 concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Ames, Arteixo, Boiro, Noia, O Grove, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Monterroso, Vilalba, Mondoñedo, Barbadás, Ourense e O Carballiño. As datas e horas de cada unha das sesións poden consultarse no Portal da Lingua Galega, así como na Axenda de Cultura de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email