Presentado o segundo volume da antoloxía en galego e inglés da literatura galega

Categoría: Nova

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Editorial Galaxia e Edicións Xerais de Galicia presentaron onte o segundo volume da antoloxía bilingüe galego-inglés da literatura galega. Anthology of galician literature / Antoloxía da literatura galega 1981-2011 é o título desta obra que inclúe sesenta textos de sesenta escritores galegos contemporáneos. É tamén a obra coa que se lle dá continuidade ao proxecto iniciado en 2010 coa publicación do volume referente ao período 1196-1981.
No acto, celebrado na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, interviron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o autor e tradutor da antoloxía, Jonathan Dunne, os directores xerais da Editorial Galaxia e de Edicións Xerais, Víctor F. Freixanes e Manuel Bragado, e da directora da biblioteca, Carina Fernández.
O segundo volume desta antoloxía, comercializada e distribuída pola Editorial Galaxia, ofrece unha selección completa da mellor literatura galega producida ao longo dos últimos trinta anos, con nomes recoñecidos acompañados dun abondoso talento ata o de agora en boa medida por descubrir.
Jonathan Dunne, editor, ensaísta e tradutor, formado na escola da Filoloxía Clásica da Universidade de Oxford, vencellado dende hai anos á literatura e cultura galegas, dirixiu este segundo volume no que se presentan as promocións de autores que van desde o ano 1981, data de entrada en vigor do Estatuto de Autonomía de Galicia, ata os nosos días: Manuel Rivas, Alfredo Conde, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Chus Pato, Domingo Villar, María do Cebreiro, Suso de Toro etc.
A escolma vai precedida dunha introdución, elaborada polo propio Jonathan Dunne, na que se informa moi sinteticamente da historia da literatura galega contemporánea e se amosan os criterios de edición.

Comparte nas túas redes sociais ou por email