A escritora Mercedes Queixas Zas continúa coa súa xira de presentacións da biografía de Manuel María, "Labrego con algo de poeta". O martes, día 26, ás 20h, estivo na Casa do Libro de Vigo acompañada polo crítico literario Ramón Nicolás e polo director literario de Galaxia, Carlos Lema. E o mércores, día 27, tamén ás 20h, estará na Libraría Paz de Pontevedra, acompañada por Conchi Cochón, responsabel de Normalización Lingüística do Concello, e polo director literario de Galaxia, Carlos Lema.

Mercedes Queixas vai entrefebrando nesta obra imprescindible vida e obra, feitos e ideas, letras e sentires do autor homenaxeado no Día das Letras deste 2016. Cun relato directo, sintético e ao tempo rigoroso, a autora achéganos ao itinerario vital de Manuel María. Itinerario que, coma un río sempre fértil e vizoso, nace coas raíces na Terra Chá, medra na prolongada formación académica e autodidacta de carácter enciclopédico e multiplica o seu curso nunha escrita extensa e de temática ricaz. O idioma, a fala, o oficio de poeta e a tradición literaria marcan a vida de quen se entregou na defensa da súa xente e da súa cultura. A poesía é o sinal dese compromiso, a biografía é o testemuño que corrobora o anceio constante de liberdade.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR