Presentación na Feira de Frankfurt da ANTOLOXÍA DA LITERATURA GALEGA

Categoría: Nova

Seguen as actividades dentro da Feira do libro de Frankfurt. Hoxe, a literatura e a palabra galegas van ter un protagonismo singular pois está previsto que, ás 13 horas, no stand da Asociación Galega de Editores se presente a escolma preparada por Jonathan Dunne e editada por Xerais e Galaxia, co patrocinio da Consellería de Cultura, 'Antoloxía da literatura galega. 1196-1981'.

Sen dúbida, un dos fitos literarios do ano esta posibilidade de, no máis grande escaparate das letras do mundo, poñer a literatura galega no cumio da atención académica e editorial.
Nesta obra reúnense 55 textos de 40 autores das letras en lingua galega, dende a cantiga medieval de Mendinho, universalmente coñecida, ata as grandes figuras do noso Rexurdimento, os creadores e pensadores agrupados na Xeración Nós, a magnífica narrativa desenvolvida no século XX, xunto cunha actividade poética do maior interese, completado todo coa eclosión das últimas décadas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email