Presentación en Compostela de Romaría de HIstorias

Categoría: Nova

Hoxe martes, día 15 de decembro, preséntase en Compostela a última novela de Xosé Neira Vilas, Romaría de Historias, cuxo lanzamento preparaba con ilusión o autor de Gres antes do seu pasamento. Mantense a cita que el mesmo fixara, o día 15 ás 20h na Libraría Pedreira, cun acto de recordo no que participarán o crítico literario Armando Requeixo e o director xeral de Galaxia, Victor F. Freixanes.

Romaría de historias é unha novela feita de retrincos; non se trata dunha vida, senón de moitas vidas, non relata unha historia, senón un mangado de historias que acaban por dar forma a un mundo. Con habelencia de contador de historias, coma aqueles sabios que transmitían a cultura oral dunha xeración a outra, Neira Vilas consegue tecer un patchwork no que un conxunto de pezas autónomas acaba por confeccionar a imaxe colectiva do mundo das aldeas galegas. Un mundo que para os lectores de hoxe xa parece descoñecido, cando menos parcialmente; así, o autor de Romaría de historias pon a súa novela baixo a advocación dunha cita de John Berger: "A maior catrástrofe cultural do século XX foi a perda da cultura campesiña. Ese mundo está a punto de desaparecer".

Nesta novela latexan, rebolen, agurgullan personaxes e aconteceres das aldeas gale- gas ao longo de moitos anos. Son as aldeas e as xentes de onte e de hoxe que volven á actualidade da man dun dos narradores que mellor sabe rexistrar e transmitir as pegadas ás veces intanxibles dun mundo que, como afirma John Berger, está a piques de desaparecer. Na obra de Neira Vilas ese mundo case extinto vira vizoso, revive, aparece con azos novos perante quen le.

Comparte nas túas redes sociais ou por email