Presentación en Compostela de MARÍA FUMAÇA

Categoría: Nova

Uxía, Magín Blanco, Isaac Palacín, Carlos Blanco, Tanxarina Teatro… e un mollo de artistas únense para botar a andar a locomotora musical máis divertida, atolada e sensible que nunca se viu. Esta semana comeza a xeira de presentacións de María Fumaça, un proxecto literario e audiovisual, constituído por un libro con CD e DVD destinado a celebrar a felicidade. Por iso, os temas musicais insisten na festa e fan bo o lema que preside todo o traballo: 'Cantar e bailar para ser máis feliz'. Ademais dos temas de música, nos que participa o máis importante da música galega, o DVD incorpora un mollo grande de clips, algúns deles con pictogramas, para que tamén quen necesita deste tipo de lectura poida gozala.

Estamos diante dun dos libro-discos máis sorprendentes de todos cantos se teñen publicado na nosa lingua nos últimos anos. Por moitos motivos. Por exemplo e como sinalabamos, pola nómina enorme de xentes da música galega que se uniron para cantar máis de vinte temas (cos seus correspondentes vídeos e karaoke) para celebrar a alegría de vivir. Mais tamén porque é unha defensa da vida fronte a discapacidade, que pode estar nos corpos pero nunca nas almas que queren gozar.

O proxecto María Fumaça gravita arredor de Ruí, que a pesar das súas dificultades pode gozar da música, cantar e bailar. É un cativo moi especial para quen os seus amigos músicos quixeron crear este libro-CD-DVD cheo de propostas pegadizas e tonadas marabillosas.

O traballo de ilustración, a edición dos videoclips, as letras… todo está pensado para que se cumpra o lema co que abrimos María Fumaça: cantar e bailar para ser máis feliz.

Comparte nas túas redes sociais ou por email