Presentación en Allariz de O SOLDADIÑO DE CHUMBO

Categoría: Nova

O Concello de Allariz, a librería Aira das Letras e Editorial Galaxia presentan o libro 'O soldadiño de chumbo'. Durante o acto proxectarase a película do mesmo título rodada no Museo do Xoguete e dirixida por Virgina Curiá e Tomás Conde.
O acto desenvolverase no Museo do Xoguete porque foi o lugar onde está ambientada esta historia, versión do clásico de Hans Christian Andersen, adaptado literariamente por Xavier Senín nunha lectura moi galega na que, entre outras aportacións, o personaxe máis "malvado" é un xoguete que é, precisamente, un cigarrón, personaxe ben coñecida do entroido noso.
Os que se acheguen polo Museo do Xoguete, ademais de coñecer de primeira man este fermoso libro, do que tamén fixemos aplicación para iPad, poderán ver a película que será proxectada para todas e todos os que se animen a pasar un serán de lecer co soldadiño namoradeiro a quen lle faltaba unha perna porque, cando o fabricaron, o artesán quedara sen chumbo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email