Presentación do novo libro de Charo Pita na Coruña

Categoría: Nova

Charo Pita vén de publicar na colección Árbore 10 anos unha nova novela titulada 'Oxalás estiveses aquí'. Será presentada mañá martes, dentro dos actos da Feira do libro da Coruña. A autora estará acompañada polo escritor Francisco Castro.
Charo Pita é unha das narradoras fundamentais da Literatura Infantil e Xuvenil en galego. Con Xoán Curiel publicou na nosa editorial o libro-disco ‘Estamos no verán‘ e agora volve á actualidade literaria con esta novela que mañá presentamos na cidade herculina.
Nesta nova obra, Charo Pita Pita volve ofrecernos unha historia chea de aventuras e aprendizaxe, onde os animais protagonistas medran a medida que van pasando unhas probas que, dalgunha maneira, explican o dura… e o marabillosa que pode ser a vida.
Sobre si mesma di que naceu á idade de seis anos cando rematou de ler o seu primeiro libro. Recoñece estar sempre a medio camiño: nin pícara nin adulta, nin gorda nin fraca, nin loura nin morena, nin india nin vaqueira, nin de aquí nin de alí, unha salvaxe apracible, entre o po da viaxe e a modorra dunha butaca vella, unhas veces coa palabra na boca, outra coa música.
O seu traballo como narradora abrangue diversas áreas, desde o conto infantil ata o relato erótico ou de terror e as montaxes musicais. Tamén imparte talleres de narración oral, desde o ano 1994, por todo o ámbito da xeografía española. Estudou Canto, Interpretación e é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Salamanca. Como escritora recibíu varios premios literarios, entre eles o Espiral Maior de poesía.

Comparte nas túas redes sociais ou por email