Presentación de SOBREVIVINDO en Pontevedra

Categoría: Nova

A escritora Arantza Portabales preenta a súa novela SOBREVIVINDO, Premio de Novela por Entregas 2015 de La Voz de Galicia, durante a Feira do Libro de Pontevedra. Estará acompañada polo escritor Xosé Monteagudo.
Estamos diante dunha historia de intriga, cun ritmo áxil que se move con soltura entre diversos planos temporais, e que tece unha engaiolante trama arredor dunha non menos fascinante protagonista, a vencedora dun programa de telerrealidade. Unha narración que, capítulo a capítulo, capta a atención do lector: cada entrega remata cun convite a seguir o fío da historia ao día seguinte, ata a sorprendente conclusión do seu remate. Sobrevivindo ten como protagonista principal a Val Valdés, unha muller que no ano 2000 se presentou a un programa de telerrealidade, do que saíu vencedora e rica. A partir deste intre, convértese nunha empresaria da que apenas se coñece a súa vida privada. A novela vai alternando pasado e presente, así como diferentes personaxes, para tecer unha trama de intriga arredor do personaxe, cunha serie de secundarios de trazos ben definidos: o seu fillo, a súa sogra, o avogado que traballa para ela, unha antiga relación adolescente, un profesor daqueles tempos… todos eles gravitan arredor de Val Valdés nun suspense que medra a medida que se coñecen máis datos da historia e que non exclúe un asasinato.

Comparte nas túas redes sociais ou por email