Presentación de "Xelamonite", de Luís Paradelo

Categoría: Nova

Unha novela distinta, esixente e crítica. Unha nova aportación ao discurso literario galego, que agradece a aparición de voces novas. Moi poucas veces a literatura galega abordou esta cuestión. Nestas apreciacións coincidiron as tres persoas que participaron na presentación da novela Xelamonite, de Luís Paradelo: Carlos Fernández, Manuel Vidal Villaverde e o editor Carlos Lema.

Cunha numerosa afluencia de público, o autor do libro agradeceu a todos a súa presencia e insistiu no seu interese en propoñer ao lector unha reflexión sobre a vida, a soidade, a identidade e as tensións sociais que atinxen ao individuo na realidade contemporánea, levado todo a unha situación límite: as opcións políticas radicais da loita armada na Galicia do noso tempo.

Coincidiron tamén os presentadores na realidade "ourensá" do libro, cunha referencia moi específica a Eduardo Blanco Amor. Dalgunha maneira, os lectores de Xelamonite recordarán, a través das páxinas do libro, aos personaxes de A esmorga. Aínda que algo diferencia a novela de Paradelo: ningún dos seus personaxes ten nome (cuestión máis relevante do que parece) e a "viaxe infernal" do protagonista ten moito de viaxe interior, ademais de percorrer os espazos propios da xeografía ourensá.

Comparte nas túas redes sociais ou por email