A libraría LIBRAIDA acolle a presentación do libro Os elefantes de Sokúrov (Editorial Galaxia) de Antón Riveiro Coello. O acto celebrarase o xoves 11 de febreiro ás 20:30 na libraría. Contarase coa presenza do autor. O acto será presentado polo profesor Carlos Meixome.

Antón Riveiro Coello naceu en Xinzo de Limia (1964). É un dos escritores máis premiados e prestixiosos dos xurdidos nos últimos anos na literatura galega. Logrou, que obras como As rulas de Bakunin e Laura no deserto figuren nun lugar privilexiado das grandes novelas da literatura galega.

Desta obra, o xornalista Manuel Gago escribiu: "Os elefantes de Sokúrov (Galaxia, 2015) é a nova novela de Riveiro Coello. Conta un relato actual dunha Compostela que transita por escenarios non demasiado habituais: o Pombal, a Praza de Galicia, o Abrigadoiro, a Bodeguilla de San Lázaro, tendo por centro o café da Praza de Cervantes. É unha novela dunha mileurista preparada que se gaña a vida atendendo a unhas vellas e mentras prepara oposicións. Unha vida como moitas na Galicia de 2015. Pero é tamén unha historia de amor fermosa e unha idea sobre o pasado inmediato, tanto individual como da propia Galicia e o desastre da droga dos anos 80. Unha Compostela que se visualiza desde o punto de vista de Constantino, foráneo, pero que por sorte non resulta demasiado tópica".

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR