Círculos Líticos organizou este acto como parte da súa sección "Lendo libros, Lendo libres". A presentación do libro de Paco Martín, que tivo lugar no salón de actos do centro socio-cultural Uxío Novoneira, da cidade de Lugo, foi elixida a primeira dunha longa serie de actividades destinadas a achegar a lectura ao público.

A presentación realizouse coa lectura de textos escolmados dos catro contos que compoñen o libro, e mais dos contos infantís nos que dalgún xeito se inspiran, nas voces de Antón Fortes, Isidro Novo, Lois Diéguez, Ester Pedrouzo e Paco Martín. A presentación contou, ademais, coa proxección de imaxes e música, e ao final houbo unha animada conversa dos presentadores, aos que se uniu Carlos Lema, director de edición de Editorial Galaxia, e do público co autor do libro.

Logo da presentación o autor asinou numerosos exemplares desta súa máis recente obra. Agardamos que pronto nos volva sorprender.

Con esta presentación, o colectivo poético Círculos Líticos comeza unha chea de actividades encamiñadas a popularizar a lectura e o debate como método de comunicación excelso para sermos realmente libres.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR