Presentación de PITUSA SEMIFUSA en Santiago

Categoría: Nova

Este martes, ás 18 horas, Olga Brañas presentará o seu libro-disco PITUSA SEMIFUSA que acabamos de publicar na colección Sonárbore. Logo dunha rolda de prensa para os medios de comunicación pola mañá, ás 11, 30, no que xa ofrecerá un breve petisco musical das pezas que conforman o seu primeiro traballo para público infantil, ás 18 horas ofrecerá un pequeno concerto dirixido ao público familiar e no que estamos certos de que ninguén quedará sen cantar nin bailar. Olga Brañas estará acompañada polo editor do libro, Francisco Castro.
Na Biblioteca Ánxel Casal todas e todos poderán coñecer a Pitusa Semifusa, nena e cantareira protagonista deste libro ilustrado por Leandro Lamas. Comprobaremos que estamos diante dun impresionante proxecto musical comandado que pretende, ademais de ofrecer un mollo de cancións pegadizas e de alta calidade musical, como é característico desta colección (onde xa viron a luz os traballos de Mamá Cabra, María Fumaça ou Pablo Díaz), aprenderlles aos nenos e as nenas as familias de instrumentos.
Pitusa Semifusa é proxecto para o que Olga Brañas se rodeou dos máis importantes músicos do panorama galego, dende Sérgio Tannus a Uxía, pasando por Xiana Lastra, Quim Farinha, Anxo Pintos ou Ramón Bermejo, entre outros. Entre todos eles argallan cancións que nos permitirán viaxar pola voz, os ventos, os metais, as cordas…nunha mestura musical e vocal diante da que ninguén quedará indiferente.
Unha proposta para gozar da música dende as idades máis temperás da man dunha cativa, Pitusa Semifusa, cantareira e festiva e que poderemos escoitar como soa este martes na Biblioteca Ánxel Casal.

Comparte nas túas redes sociais ou por email