Presentación de “Os anxos indecisos” en Vigo

Categoría: Evento

O día 13 de decembro celebrarase, ás 20:00 h, a presentación de Os anxos indecisos de Manrique Fernández, na libraría Cartabón, en Vigo. Acompañando ao autor, asistirán Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia e a escritora Iria Collazo.

Os personaxes que protagonizan as historias de Os anxos indecisos están situados nos bordos, nas fronteiras, nos lindes. A dúbida e as posibilidades, reais ou fantasiosas, preséntanse para conceder ao instante das decisións unha marxe estreita con consecuencias enormes. O cotián e o sorprendente tecen a narración, con super modelos, xornalistas “de raza”, con música de Sam Cooke, romances de nenez, mocidade eterna de gata cíngara, trasnos náufragos… e violencia, baixos fondos, ilusións rotas, enfermidade, celos e a propia vida posta ao límite. Malia todo isto, en todas queda un pequeno canto á esperanza e a ilusión por unha realidade mellor…

Cada lector ou lectorá terá que decidir con que parte queda, se asume a crueza de fondo ou pervive nese soño en que os protagonistas tamén quererían vivir, cómplices da dúbida e do esquecemento.
Manrique Fernández (Sistallo, Cospeito, 1965) é xornalista e durante moito tempo foi xerente da Fundación Rogelio Groba. Da colaboración co compositor naceron a súa biografía oficial (Meditacións en branco e negro), un libro de conversas (Diabolus in musica), así como varias colaboracións como letrista de tres óperas (Floralba, Pedro Madruga. O noso Rei, e unha adaptación do conto de Perrault O gato con botas), unha cantata (Corpus en Ponteareas) e un réquiem (Samaín. Réquiem galego), entre outras obras. Amais é autor de Ponteareas máxica, recompilación de lendas tradicionais desta vila relatadas en verso, o libro de relatos Crónicas de Embora e a novela Tres feridas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email