O día 20 de febreiro, ás 19:30 h, celebrarase, na Casa do Libro de Vigo, a presentación de O libro da filla, de Inma López Silva. Acompañando á autora, asistirán Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia e a periodista Noelia Otero.

Un gran thiller político, intimista, sentimental e social.

Helena Sánchez é unha prestixiosa xornalista que acepta investigar o caso de Fernando, un condenado por agresión sexual á súa filla que sostén ser vítima dun complot argallado pola súa ex-muller e que desexa lavar a súa imaxe a través desa reportaxe. No proceso, sairán á luz historias ocultas que quizais é mellor non saber, movendo, a través da pescuda, a unha reflexión sobre a ética da verdade fronte á mentira e sobre a propia felicidade na vida de Helena. A investigación xornalística é, en realidade, o punto de partida para afondar nas vidas e relacións de dúas familias marcadas non só polas particulares trastendas do amor, senón tamén pola irrupción do totalitarismo e a extrema dereita do mesmo xeito calado e sutil en que se introduce na sociedade e na política do noso tempo. O libro da filla é un relato profundo e inquietante en que a autora parte dun caso real de abuso no ámbito familiar para obrigarnos a ollar de fronte o mello e o peor de nós como persoas e como sociedade. Unha novela que afonda no máis meserábel da condición humana a través dunha voz directa e desgarrada que se inmisce de modo íntimo nuns personaxes cos que é imposíbel non identificarse.

Inma López Silva, novelista, ensaísta, crítica teatral e columnista de prensa, é autora dunha ampla obra literaria que foi recoñecida cos premios Xerais, Blanco Amor, San Clemente, Losada Diéguez e Francisco Fernández del Riego. Como narradora, cultivou o xénero breve en libros como Rosas, corvos e cancións (2000) e Tinta (2012), así coma o ensaio feminista en New York, New York(2007),Maternosofía (2013) e o polémico Chámame señora, pero trátame coma a un señor (2018). Tras o éxito de aclamadas novelas como Memoria de cidades sen luz (2007) e Aqueles días en que eramos malas(2016), Galaxia publica agora a súa entrega máis esperada: O libro da filla.

www.olibrodafilla.com

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR