O día 26 de xuño, ás 20:30 h, celebrarase, no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira, a presentación de O caderno de Rosalía, de María Xesús Blanco. Acompañando á autora, intervirán Blanca-Ana Roig Rechou (A. C. Barbantia), Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, Manuel Cartea, Presidente da A. C. Barbantia, e Manuel Ruiz Rivas, Alcalde de Ribeira.

Debido á reducción de aforo polas medidas preventivas contra o COVID-19, compre reservar localidades en pastor@barbantia.es

Rosalía é unha nena normal que fai cousas moi normais… ou non.

Rosalía ten unha vida extraordinaria chea de cousas extraordinarias… coma ti e coma min. Entra nas páxinas deste primeiro libro de María Xesús Blanco para os pequenos da casa. Dentro, vive unha nena da que non te vas esquecer nunca…

María Xesús Blanco naceu en Melide, nunha fermosa aldea chamada Cabanelas. Alí estivo cos seus pais e co seu irmán pequeno ara que foi á Universidade, onde estudou Maxisterio e Filosofía. Viviu na Coruña, Muxía e A Pobra do Caramiñal. Instalouse no concello de Ribeira hai máis de vinte anos, onde exerce como mestra no CEIP de Olveira, moi preto do mar de Corrubedo. Dende moi pequena tivo paixón pola literatura. Na casa había poucos libros, pero moitas ganas de ler, así que agradeceu ter a porta aberta a eses lugares marabillosos chamados bibliotecas, onde podes ler o que che pode, róuballe tempo ao sono para escribir versos e historias. Colabora habitualmente coa Asociación Cultural Barbantia e ten contos publicados no suplente A Voz de Barbantia de La Voz de Galicia e no blog Café Barbandia. Un relato seu, titulado “Naia”, foi premiado no VIII concurso de contos Liceo de Noia. E o poema “Sempre é noite en Bagdad” no VII Certame Literario do Concello de Ames. O caderno de Rosalía é a súa primeira obra publicada en Editorial Galaxia.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR