O día 4 de novembro, ás 19:30 h, realizarase a presentación de A lingua das cantigas de Pär Larson na Libraría Couceiro de Santiago. Ademais do autor, participarán a política Mariña Arbor Aldea, Manuel Ferreiro, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.

Velaquí un libro de grande interese para todos aqueles que aman a nosa historia, a nosa lingua e a nosa literatura.

O seu autor, Pär Larson, é un sueco afincado en Italia que coñece coma poucos as nosas cantigas medievais. Estamos diante da primeira descrición sistemática da lingua usada polos trobadores da Península Ibérica —desde Galicia e Portugal ata o reino de Aragón—, entre finais do século XII e mediados do XIV, para compor tanto poesía lírica sacra (as Cantigas de Santa María de Afonso X) como profana (cantigas de amor, de amigo e de escarnio e mal dizer).

Un libro, pois, que contribúe a pór en valor o noso patrimonio literario, un legado de excepcional valor e riqueza.

Pär Larson nado en Suecia, vive en Italia desde 1981. É investigador no Instituto Opera del Vocabolario Italiano (OVI-CNR) de Florencia, cidade onde finalizou a súa formación universitaria baixo a dirección do grande historiador da lingua italiana Arrigo Castellani. Lingüista, filólogo e lexicógrafo, Larson ocúpase principalmente de gramática histórica e de lírica románica medieval. É socio correspondente da Accademia della Crusca, coa que publicou en 1995 un Glossario diplomatico toscano, explorando os elementos pre-literarios italianos na documentación latina medieval.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR