Presentación de “Habitando historias” na Coruña

Categoría: Nova

O día 7 de febreiro, ás 19:00 h, celebrarase, na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil Durán Loriga, a presentación de Habitando historias. 10 experiencias arredor do libro e da lectura, editado por Montse Muriano. Acompañando á editora, asistirán as autoras dos ensaios, Francisco Castro, Ángeles Abelleira, Mercedes Cerdeiras, Patricia Carballal e Montse Pena.

Nestas páxinas arredor do libro, a lectura, as bibliotecas, os booktubers, as novas formas de ler, as experiencias lectoras, o canon literario… reflexiónase sobre o feito de ler e o seu fomento.

Xuntáronse dez persoas, dez profesionais que dixeron si a este proxecto e cuxas experiencias arredor do libro e da lectura non van deixar indiferente a ninguén. As dez almas que habitan este libro saben moi ben do que falan e saben moi ben como facelo. Son escritoras, docentes, bibliotecarias, contadoras…
En definitiva, voces críticas, voces expertas e voces comprometidas coa consecución dun mundo mellor a través das historias que viven nos libros. Un volume que aspira a ser referencial no mundo educativo. Mais, sobre todo, un libro de lectura necesaria para todas e todos os que aman ler, abrir un libro e navegar entre as súas páxinas. De papel ou de bits. Historias, despois de todo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email