Co gallo da celebración do Día do Libro, o día 23 de xullo, celebrarase, ás 12:00 h, a presentación de Tantos anos de silencio, de Francisco Castro, e Xenealoxía dun intruso, de Isaac Xubín, na Capela de San Campio, na Ramallosa (Nigrán).

Tantos anos de silencio, de Francisco Castro, é un relato violentamente fermoso. Fermosamente violento.

O autor recrea nesta ambiciosa novela unha época de escuridade, paseos na madrugada, tiros nas cunetas, e corpos que sobreviven en covas devaixo das cociñas, mais tamén de utopías e soños de cambio, revolución e vida mellor. En efecto, todo é un soño feliz no pazo de Flavia ata que o 18 de xullo de 1936 comeza unha guerra que algúns aproveitan para urdir vinganzas que acaban deixando unha pegada misteriosa: umhas fosas comúns que agochan cinco corpos executados dun tiro na cabeza e un sexto esqueleto de muller que abraza contra o peito o libro dun poeta do que ninguén oíu falar. Ánxela, unha investigadora que garda a súa propia historia de violencia e dor, acepta dirixir a excavación das fosas e proponse deitar luz sobre todos os acontecementos dos primeiros días da guerra no pazo, pero axiña desexará tirar tamén do fío da identidade do misterioso poeta e da muller soterrada co libro. A través da investigación de Ánxela, iniciamos unha viaxe apaixonante entre 1936 e os nosos días en que descubriremos que o fascismo superou tempo e fronteiras.

Xenealoxía dun intruso, de Isaac Xubín, defende a idea de que o poeta é un intruso.

Introdúcese entre as cousas. Tradúceas a un idioma ignoto. Ese idioma tamén é para el alleo, nada propio lle pertence. Sente o seu país como unha paisaxe que interpretar, algo que soamente pode absorver do mesmo xeito que as metáfosas absorven e condensan o senso das verbas. O poeta leva tanto tempo a cruzar fronteiras que agora tamén é un intruso na súa casa, no seu país, na súa lingua. Tradutor entre os diferentes mundos,dálle a quen le acceso a eles. Escribe coma se estivese ao outro lado do muro: a man atravesa a parede e redacta sen que o poeta saiba como son os signos que traza nun misterioso papel pautado por un estraño a quen non coñece nin endexamais ha coñecer.

dia-do-libro

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR