Presentación de dous libros de Celestino Fernández de la Vega en Lugo

Categoría: Nova

O acto será mañá martes 9 de xuño, ás 20 horas, no salón de actos do Pazo de San Marcos, na Deputación Provincial de Lugo e participarán neste acto Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle-Inclán, Víctor F. Freixanes, director de Editorial Galaxia, e Antón Baamonde, profesor de filosofía e ensaísta.

En "O segredo do humor" o autor de Friol plantea unha das reflexións máis sutís, rigorosas e orixinais das realizadas verbo do humor como expresión da relación do suxeito co mundo. Situado entre a traxedia e a comicidade, o espazo do humor é o espazo propio do home moderno.

A súa achega constitúe, así, unha das máis rigorosas e orixinais a un tema fundamental para a comprensión do ser humano e a súa relación co mundo. O humor pódese considerar como un dos fenómenos característicos da época moderna, xa que a esencia do humorismo reside no subxectivismo moderno. O humorismo é anovador, cuestiona as convencións e arríscase na singularidade. Un clásico que aínda hoxe resulta absolutamente anovador.

Por outra banda, en "Ensaios a proba do tempo" reúnense un mangado de ensaios publicados en libros, revistas e prensa. Recompílanse por primeira vez e edítanse ordenados cronoloxicamente pola data de publicación. Tamén se respecta o idioma no que foron dados a coñecer, quer galego quer castelán, en función do momento no que foron escritos e do medio de comunicación ao que ían destinados. O autor, en carta de 1974, propuxo a idea e o título: "Reproduzo os ensaios tal como foron publicados, é dicir, someténdoos á proba do tempo".

Comparte nas túas redes sociais ou por email