O día 29 de outubro, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro Castelao. Construtor da nación. Tomo I de Miguel Anxo Seixas na Hemeroteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo. Ademais do autor, intervirán X.L. Méndez Ferrín, Anxo Cabada, presidente do Ateneo, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

O meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado

o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista. Velaquí
o primeiro volume dunha biografía monumental, concibida por Miguel Anxo Seixas case coma un diario da vida cotiá de Castelao cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública xunto a actualidade da época. Labor de toda unha vida dedicada á investigación, á recollida de datos e documentación, o autor desta crónica deita no papel a súa paixón pola busca do pormenor significativo, o seu rigor na comprobación e descuberta de aspectos ignorados ou esquecidos, o gusto por rexistrar os pasos e a obra de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega.

Miguel Anxo Seoane Seixas é un historiador galego que naceu en Arzúa en 1960. Licenciouse en Historia da Arte Moderna e Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela entre 1979 e 1984.  Entre as súa obras podemos destacar “O Camiño de Santiago” (1990), “Ánxel Casal” (1995), “Castelao pintor” (2006, Galaxia) e “Quen fora pedra” (2017).  Ademais participou en numerosas obras colectivas como “Celso Emilio Ferreiro” (1989), “Para ler a Castelao I e II” (2000, Galaxia) e “Camilo Díaz Baliño, o deseñador da nación” (2016).  “Castelao. Construtor da nación” é o primeiro dos tres volumes que abordan, dunha maneira definitiva, a vida e a obra do autor rianxeiro.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR