Presentación de Bicos e non balas no Concello de Vigo

Categoría: Nova

Esta mañá presentamos en rolda de prensa o novo libro de Antonio García Teijeiro, Bicos e non balas. O libro, unha antoloxía do traballo de máis de trinta anos do poeta vigués, é unha colectánea de poemas sobre a Paz que ilustrou Bea Gregores e do que o Concello de Vigo mercou 1000 exemplares para distribuir entre todos os escolares de Vigo, tanto de centros públicos como concertados.
No acto participaron o autor, Antonio García Teijeiro, a ilustradora Bea Gregores, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e Francisco Castro, o director xeral de Editorial Galaxia.
Pola nosa boca poden saír balas pero tamén bicos. Poden saír versos e beixos. Podemos reclamar, a berroversos, a paz.
Antonio García Teijeiro naceu en Vigo en 1952. É profesor, escritor e crítico de literatura infantil. Galardoado co Premio Merlín por Na fogueira dos versos, entrou na Lista de Honra do IBBY e concedéuselle o Premio Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua (Italia), un dos máis prestixiosos de Europa. Co poemario Arredor do teu corpo gañou o Premio Illas Sisargas. Pero estes son só algúns dos moitos recoñecementos que atesoura. Algúns dos seus poemas foron musicados por grupos de Galicia e por músicos como Antón Seoane e Paco Ibáñez. Mantén unha intensa actividade na rede dende o blog Versos e aloumiños.

Comparte nas túas redes sociais ou por email