O día 8 de novembro, ás 20:00 h, celebrarase a presentación de Bicos e non balas de Antonio García Teijeiro, Premio de Literatura Infantil e Xuvenil 2019. Será na Libraría Librouro, en Vigo. Acompañando ao autor, estarán Malores Villanueva, en representación da Editorial Galaxia e Paz Raña.

Pola nosa boca poden saír balas pero tamén bicos. Poden saír versos e beixos. Podemos reclamar, a berroversos, a paz.

Velaquí unha antoloxía de poemas sobre a paz de Antonio García Teijeiro, un dos poetas galegos que máis e mellor entenderon que non hai camiño para a paz, senón que a paz (e a poesía) é o camiño.

Antonio García Teijeiro naceu en Vigo en 1952. É profesor, escritor e crítico de literatura infantil. Galardoado co Premio Merlín por Na fogueira dos versos, entrou na Lista de Honra do IBBY e concedéuselle o Premio Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua (Italia), un dos máis prestixiosos de Europa. Co poemario Arredor do teu corpo gañou o Premio Illas Sisargas. Pero estes son só algúns dos moitos recoñecementos que atesoura. Algúns dos seus poemas foron musicados por grupos de Galicia e por músicos como Antón Seoane e Paco Ibáñez. Mantén unha intensa actividade na rede dende o blog Versos e aloumiños.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR