O día 18 de febreiro, ás 19:30 h, celebrarase, na libraría Berbiriana da Coruña, a presentación de Anarquistas galegos en América, de Bieito Alonso. Acompañando ao autor, asistirá Manuel Rivas.

Este de Bieito Alonso é un verdadeiro libro de Historia como descuberta do pasado.

Descóbrenos o descoñecido do pasado e achéganos pasados descoñecidos. Afeitos como estamos en Galicia a camiñar sempre polos mesmos estreitos carreiros marcados polos devanceiros, cunha máis que marcada tendencia filolóxica, a obra de Alonso tráenos a frescura dun coñecemento historiográfico anovador e sobre un tema que por máis visitado e revisitado non deixa de ser un pozo sen fondo.

Do limiar de Lourenzo Fernández Prieto.

Bieito Alonso naceu en Ourense en 1958. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario, na actualidade exerce no Lycée International de Saint-Germain- -en-Laye (Francia). É autor dun número importante de obras, entre as que destacan: Breve historia do nacionalismo galego, O exilio de Castelao, Obreiros alén mar. Mariñeiros, fogoneiros e anarquistas galegos en New York,A Nosa Terra, xornalismo e nacionalismo político, así como unha manchea de traballos en obras de carácter colectivo e artigos en revistas especializadas. Este libro é o primeiro seu en Editorial Galaxia.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR