Presentación de “Anarquistas galegos en América” en Vigo

Categoría: Nova

O día 14 de febreiro, ás 20:00 h, celebrarase, na libraría Cartabón de Vigo, a presentación de Anarquistas galegos en América, de Bieito Alonso. Acompañando ao autor, asistirá Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

Este de Bieito Alonso é un verdadeiro libro de Historia como descuberta do pasado.

Descóbrenos o descoñecido do pasado e achéganos pasados descoñecidos. Afeitos como estamos en Galicia a camiñar sempre polos mesmos estreitos carreiros marcados polos devanceiros, cunha máis que marcada tendencia filolóxica, a obra de Alonso tráenos a frescura dun coñecemento historiográfico anovador e sobre un tema que por máis visitado e revisitado non deixa de ser un pozo sen fondo.
Do limiar de Lourenzo Fernández Prieto.
Bieito Alonso naceu en Ourense en 1958. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario, na actualidade exerce no Lycée International de Saint-Germain- -en-Laye (Francia). É autor dun número importante de obras, entre as que destacan: Breve historia do nacionalismo galego, O exilio de Castelao, Obreiros alén mar. Mariñeiros, fogoneiros e anarquistas galegos en New York, A Nosa Terra, xornalismo e nacionalismo político, así como unha manchea de traballos en obras de carácter colectivo e artigos en revistas especializadas. Este libro é o primeiro seu en Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email