Presentación de AMOR É UNHA PALABRA COMA OUTRA CALQUERA en Bueu

Categoría: Nova

O mércores 13 de xullo, a sede de Argo Navis acolle ás 21 horas a presentación do novo libro de Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, nun acto organizado pola Libraría Miranda.
Desta novela, no blogue literario Páginas de Nieve, díxose: "Pode que esta sexa unha novela de amor e tamén de desamor. Pode que a historia de Carla pareza común e simple, pero encerra algo moito máis profundo. Francisco Castro consegue cunha prosa magnífica meternos de cheo na vida da protagonista, nos seus cambios persoais e emocionais. Con palabras rápidas, que case parecen non deixar respirar ao lector, transmite a agonía dos personaxes. Un narrador que coñece todo o que acontece, que fala co lector e que tamén o fai directamente con Carla. A súa voz da conciencia. O seu Pepito Grilo particular. Algo incríbel. Fantástico, como os ensinos que se atopan tras o relato. Un carpe diem en toda regra que convida a vivir por e para un mesmo, a deixarse levar polo que se sente no presente, a non deixarnos condicionar por nada nin por ninguén. A narración dunha transformación con certos toques cinematográficos e unha liña do tempo que se ve continuamente saltada, sen descanso, sen aviso. Como a vida mesma. É o amor o centro de toda a existencia? Por que non nos ensinan a sentir? Críticas con sentido, con humor, con razón".

Comparte nas túas redes sociais ou por email