Esta mañá, na sede da Editorial Galaxia, entregónse os premios do Reto Lector. Un IPAD de última xeración para a gañadora Antía Rodeiro, e lotes de libros para Nee Barros, Eira Losada, Uxía Román, Sara Sabir e Carolina Cachaldora. A gañadora veu dende Noia para participar do acto no que puido coñecer á escritora María Canosa, a autora do libro O neno inverno que recomendou no vídeo gañador. Tamén houbo vídeos sobre Nunca Mascotas, de Paula Carballeira, e Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, que nos acompañaron no acto e deron os parabéns ás autoras. O recoñecido escritor Jordi Sierra i Fabra enviou un vídeo, como tamén o fixeron Carlos Vila Sexto e Pepe Carballude, por atopárense fóra de Galicia e non poder estar coas súas lectoras.

O Reto Lector está destinado a fomentar a lectura entre os máis novos e podían presentarse rapazas e os rapaces de entre 12 e 16 anos. No acto estivo tamén o presidente da editorial, Antón Vidal, que lles explicou o significado da editora e a importancia das lectoras para seguir adiante. Pretendemos poñer en valor o esforzo destas rapazas e darlles a oportunidade de entrar en contacto cos seus escritores favoritos.

O xurado estivo composto por quince nenas e nenos de entre 12 e 16 anos que valoraron as propostas fixándose principalmente no poder de persuasión dos participantes, na súa claridade expositiva e na creatividade da gravación.

A través desta iniciativa, a Editorial Galaxia pretende fomentar a lectura en galego entre un sector clave da nosa sociedade: os adolescentes. Para facelo, proponlles aos participantes que tiren rendemento das ferramentas dixitais e do seu potencial como medios de transmisión e difusión lingüística e cultural.

Podes consultar os vídeos finalistas aquí.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR