Pirilampo gaña o Premio Rosalía de Castro de promoción da lingua galega

Categoría: Nova

O Premio Rosalía de Castro da Lingua outorgado pola Deputación da Coruña recaeu nesta, a súa novena edición, na Galipedia, na categoría de colectivo, e no grupo musical Pirilampo, na modalidad de proxectos ou iniciativas que traballan con tramos de poboación de menor idade, infancia e xuventude. A nova, non nos podería alegrar máis, e vense sumar á nosa ledicia por ter publicado hai escasos meses o último traballo do grupo Serpe de crital.
O xurado, que se reuniu este mércores na sede da Deputación da Coruña, estivo composto polas técnicas de normalización lingüística do Concello e da Universidade da Coruña, Nuria Seoane Bouzas e Marisol Ríos Noia, ademáis de por Anxa González Refoxo, da AS-PG, e Rosa Moreiras Cuñarro, da CTNL, como representantes dos proxectos gañadores na pasada edición.  O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura e Lingua da Deputación, Goretti Sanmartín, e actuou como secretaria a técnica de normalización lingüística da Deputación Dolores Sánchez Alegre.
O xurado estimou que Pirilampo era merecente do Rosalía de Castro “pola súa traxectoria consolidada no tempo de transmisión da lingua entre os máis pequenos, coa implicación das familias e das escolas”. Destacaron tamén a súa labor de “achegar á infancia á realidade máis próxima dun xeito positivo, lúdico, moderno e divertido” e a súa contribución “con novos materiais á socialización da infancia en lingua galega”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email