Pérez Touriño en Vigo

Categoría: Nova

Esta vez foi na Casa do Libro, en Vigo, coa sala chea a rebordar. Un discurso europeista para explicar a crise (que o autor definiu como crise económica e institucional: sistémica) e, ao mesmo tempo, un repaso á experiencia política do goberno de coalición (PSdeG.PSOE-BNG) que Emilio Pérerz Touruñio presidiu na Xunta de Galicia entre os anos 2005 e 2009, así como a súa traxectoria como secretario xeral do Partido Socialista dende 1998.
O libro do expresidente segue a espertar o interese dos públicos implicados no debate e na reflexión política. Na sesión de Vigo déronse cita persoas vencelladas ao mundo sindical, político, cultural e medios de comunicación. Presentou o libro Ixinio Beiras, quen se definiu "progresista", non pertencente ao partido do expresidente, pero lector atento deste tipo de traballos, "fundamentais para a construción do debate democrático nas sociedades modernas".
"Nas sociedades latinas", explicou o presentador, "non son moi comúns este tipo de obras, que teñen grande aceptación na cultura aglosaxona, por exemplo. O libro de Pérez Touriño ofrece unha visión subxectiva, pero tamén autocrítica e interpretativa dunha experiencia que se frustrou, pero sobre a que cómpre reflexionar e mesmo situar no seu sitio. Dende o meu punto de vista, o máis interesante é o epílogo: a proposta que abre as portas de futuro".
A próxima presentación/faladoiro ou coloquio arredor de "O futuro é posible" está programada na cidade da Coruña, na Sala Fonseca, o próximo 14 de febreiro, xoves.

Comparte nas túas redes sociais ou por email