Pepe Carballude presentou MARXINADOS na Estrada

Categoría: Nova

Ninguén quixo faltar á presentación, onte na Estrada, do novo libro de Pepe Carballude, 'Marxinados', que vimos de publicar na nosa colección Costa Oeste. Canda o autor, compartiron escenario o profesor Carlos Loureiro, o editor Francisco Castro e, sobre todo, unha visita de excepción, que non estaba prevista, pero que colleu a palabra para, coa súa forza habitual, debullar polo miúdo as excelencias da novela, Xosé Neira Vilas.
O autor de 'Memorias dun neno labrego' fixo un vizoso percorrido pola obra de Pepe Carballude, dende os seus inicios ata o de agora, sinalando, tamén, o punto de inflexión que, ao seu xuízo (algo tamén destacado pola crítica) supón esta nova liña de traballo nesta novela que Neira Vilas cualificou de "solidaria e novela-testemuño".
Carlos Loureiro fixo lembranza da pasada vida de estudantes, a súa e a de Carballude, tanto na Estrada como logo en Santiago, durante a carreira.
Houbo tempo, por parte do autor, de lembrar a amigos que xa non están, de homenaxes, para o coloquio e, en definitiva, para bautizar como cómpre un libro que está a ser chamado lectura de moitas galegas e galegos.
Entre o público, estradenses ben coñecidos coma Xesús Palmou ou o actual Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Comparte nas túas redes sociais ou por email