Patricia Mallo gaña o I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Categoría: Nova

A obra Os Fantom impúxose aos 39 orixinais presentados nesta primeira edición e será publicada pola Editorial Galaxia o vindeiro outono
Reunido en Santiago de Compostela esta mesma mañá, un xurado composto pola escritora e académica Fina Casalderrey, a profesora Blanca Ana Roig Rechou e o director xeral da Editorial Galaxia Francisco Castro, decidiu por unanimidade declarar gañadora do I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro a obra Os Fantom de Patricia Mallo.
O xurado destacou da novela gañadora o seu marcado sentido do humor á hora de narrar a viaxe da familia Fantom, unha familia de pantasmas con superpoderes, dende a “cidade gris” ao “mundo de máis aló”, ao “mundo dos vivos, xunto á Cidade Xardín”. Así mesmo, sinalan que a narración conta cun ritmo áxil que se ve reforzado polas situación divertidas que van xurdindo nunha trama onde nada é o que parece ser. E salientan que Os Fantom é unha defensa da singularidade, da identidade de cada quen e da súa aceptación.
Patricia Mallo (Vigo, 1985) estudou Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e traballou en países como México, Italia, Reino Unido ou a India. Tras escribir e producir a curtametraxe ¿Amigos?, o pasado 2016 debutaba en Galaxia coa novela infantil Os Cabezombis na Mansión Espello, onde xa mesturaba os seus temas preferidos: o humor, o misterio e a fantasía.
O I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, nacido neste mesmo ano, e convocado polo Conello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, ten como finalidade honrar a figura de Carlos Mosteiro, escritor fundamental da LIX galega e fortemente vencellado á comarca do Barbanza, que finaba o pasado xullo de 2017; ao tempo que se aposta pola creación en galego para o lectorado máis novo. O premio consiste na publicación da obra por parte de Galaxia na súa colección Árbore e 1.500 euros para a gañadora.

Comparte nas túas redes sociais ou por email