Para non esquecer o Holocausto

Categoría: Nova

Hoxe celebrase o Día do Recordo ao Holocausto, data na que se cumpren 75 anos da liberación de Auschwitz. Unha xornada que lembra a todas as persoas que foron asasinadas nos campos de concentración nazis. O día 27 de xaneiro de 1945 as tropas soviéticas liberaron o campo de Auschwitz-Birkenau, no que descubriron a 7.000 prisoneirxs en condicións moi graves. Foi un lugar no que morreron máis dun milleiro de homes, mulleres e cativos. Esta é a razón pola que a ONU proclamou esta data coma a do Día Internacional das Vítimas do Holocausto.
Esta celebración tenta combatir o discurso do odio para axudar á sociedade de hoxe e ás futuras a crear ambientes de respeto e igualdade.
Dende a Editorial Galaxia, co gallo desta data, recomendamos hoxe o libro Reencontro, de Fred Ulhman, publicado na nosa colección Costa Oeste.  Nel, mostra a amizade entre dous mozos de dezaseis anos separados pola barbarie nazi.

Hans é fillo dun médico xudeu e Konradin é un aristócrata descendente dunha das familias máis vellas de Alemaña. As súas afinidades e o seu xeito de ver as cousas convérteos en amigos íntimos. Pero cando Hitler chega ao poder, Konradin entre no exército nazi e Hans ten que marchar de Alemaña. Esta novela, publicada por vez primeira en 1971, converteuse rapidamente, sen ningún tipo de promoción, nun libro traducido e lido en todo o mundo. Na base deste recoñecemento están a súa fondura, a súa emotiva sinxeleza e a súa capacidade evocativa, cualidades que fan desta novela en miniatura unha pequena obra mestra.
É importante ter moi claro o que pasou no pasado para que non se repita no noso futuro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email