Son moitos os versos de Uxío Novoneyra que impresionan. Como non vai impresionar aquel que foi quen de dicir que a forza do noso amor non pode ser inútil. Aquel que cantou aos altos cumes do Courel para facelos universo. Aquel que foi do Courel a Compostela soñando unha Galicia liberada. Mais hoxe queremos traer aquí un verso concreto, no que o poeta inmenso da montaña inmensa dicía que o galego era a lingua na que máis veces se dixo adeus.

É ben certo. O tópico é claro: galegos emigrando, deixando a terra á procura doutra onde poder vivir. Galegos dicindo adeus.

Por que traemos aquí este verso é ben claro: é tempo de deixar de dicir adeus. Sobre todo, é tempo de que as nosas xeracións, as que agora conformamos este país non sexamos as que lle digamos adeus á lingua. Celebramos o Día das Letras Galegas pero é tamén o Día da Lingua. Celebramos a existencia dunha fala ferida de morte á que non debemos dicir adeus porque non queremos. Unha fala ferida de morte á que non debemos dicir adeus porque sabemos que merece vivir. Unha fala ferida de morte á que non debemos dicir adeus porque somos aínda quen de soñar, coma Uxío, que a neve é vida, que o amor dos amigos e das amigas albas nos esperan no máis outo do cume e que a beleza, toda, toda, pode cantarse na lingua de nós.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR