A paisaxe poética dunha Europa en ruínas

Categoría: Nova

Veñen de aparecer novas na prensa sobre Manuel Xestoso e As ruínas de Europa, primeiro poemario en galego do autor publicado por Galaxia.
No último número de Tempos Novos, Antía Monteagudo afirma: “Este conxunto de 33 poemas relativamente prosaicos e de linguaxe precisa, trasládanos a unha Europa que se presenta en ruínas, como espazo de destrución e de restos do que algún día foi. Dividido en tres partes moi significativas, o libro é unha longa alegoría sobre Europa, no sentido benjaminiano do termo”.
Monteagudo engadía á súa vez que “este libro condúcenos con mestría a unha interesante reflexión sobre a Historia europea e sobre a nosa posición como individuos dentro desa paisaxe en ruínas do vello continente. A través da alegoría que percorre as páxinas do libro, móstrase como a Historia se reflicte na natureza dun mundo decadente, pero que agocha unha aprendizaxe que só se pode extraer en silencio dos restos polos que camiñamos da man de Manuel Xestoso. Unha lectura máis que obrigatoria para quen pretenda saber como precipitarnos nun ceo inacabado”.
Podes descargar a recensión completa aquí.

Comparte nas túas redes sociais ou por email