Os pequenos da casa tamén van de festival

Categoría: Nova

Malia que o verán está chegando á súa fin, aínda son moitas as citas festivas que restan en Galicia ata que comece formalmente o outono. Unha delas, o consolidado Festival de la Luz, que nesta súa cuarta edición continúa apostando polo incremento de actividades destinadas aos máis pequenos e pequenas da casa. Entre elas, figuran este ano senllos concertos de Chuches Amil e Sérgio Tannus, que se fan posibles grazas á colaboración da Editorial Galaxia co certame musical.

Así, o sábado 12 de setembro, a partir das 18.45, Chuches Amil ofrecerá o seu espectáculo Un conto ao revés, baseado no libro-disco que leva o mesmo nome. Trátase da incorporación máis recente á colección Sonárbore, da Editorial Galaxia, destinada a achegar música e literatura de calidade aos máis pequenos e pequenas da casa.

Un conto ao revés é un fermoso álbum protagonizado por dous irmáns, Eirín e Milucha. Dous pequenos soñadores, que cando van durmir, viven unha morea de aventuras acompañados polos seres máis fascinantes. Unha historia acompañada das máis marchosas cancións -co rock como un dos seus grandes protagonistas-, da man do grupo Chuches Amil.
Á fronte desta banda atópase Fran Amil. Este músico, compositor e produtor coruñés ten formado desde os anos 90 parte dalgúns dos grupos máis representativos do movemento bravú, como Os Papaqueixos, Ruxe-Ruxe ou os Diplomáticos de Monte Alto. Actualmente, ademais de liderar esta proposta destinada ao público familiar, Fran Amil é un dos integrantes das formacións Tres Trebóns e Ulträqäns.

Xa o domingo, será a quenda do espectáculo Alegría! O gran Sérgio Tannus debullará a partir das 18.00 horas sobre o escenario infantil os temas deste libro-disco marcado pola ilusión, o optimismo e a felicidade. Alegría! trae unha fermosa historia, escrita polo propio Tannus, na que se narran as aventuras da eiruga Allegra, un bechiño que, malia o seu nome, non goza dun gran estado de ánimo… Mais as cousas poden mudar de rumbo, e Allegra emprende unha viaxe chea de fascinantes aventuras e novas amizades, grazas ás que descubrirá que outra realidade é posible. Unha marabillosa mestura de música e literatura que transmite a idea de que cada un, ou unha, pode ser feliz aprendendo a gozar das pequenas cousas que hai ao seu redor, e aceptándose tal e como é.

Este non é o primeiro contacto de Sérgio Tannus con Sonárbore, colección para a que xa ten colaborado en traballos como María Fumaça (2012), Rosalía pequeniña (2013), Xiqui xoque, fiú fiú! (2014) ou Pitusa semifusa (2014). Agora, este autodidacta, virtuoso en instrumentos variados como guitarras, violões, baixos, cavaquinho, bandolim e percusións, é quen conta, neste seu álbum Alegría!, coa participación de grandes do noso panorama musical, como Uxía, Isaac Palacín, Magín Blanco, Xoán Curiel, Quim Farinha, Jara Ortiz ou Santi Cribeiro, entre outros.
Punto de venda e actividades

Ademais de programar os devanditos concertos, a Editorial Galaxia contará cun posto de seu no Mercado da Luz. O selo disporá dunha caseta destinada aos máis pequenos festivaleiros e festivaleiras, na que ademais de poder coñecer e mercar as súas novidades editoriais terán a oportunidade de gozar dun espazo de lectura de balde.

As entradas e os abonos de dous días para o Festival de la Luz poden adquirirse a través desta ligazón: https://www.instanticket.es/teleentrada/PrincipalSV?codigoInstalacion=2574. Para os nenos e nenas menores de 12 anos o acceso ao recinto é de balde, se ben deben presentar a autorización que facilitan na páxina http://festivaldelaluz.es/gl/entradas/.

Comparte nas túas redes sociais ou por email