Paul Auster ten na liña de saída o seu próximo libro,
Viaxes no scriptorium, que Editorial Galaxia
publicará inmediatamente en galego, antes da
primavera, mentres que Domingo Villar, que se estreou
con éxito hai non máis de seis meses, anuncia a
próxima entrega do inspector Caldas quizais contra o
outono.

Paul Auster e Domingo Villar foron as novidades da
colección Literaria que máis aceptación de lectores
tiveron no pasado ano 2006. Tanto de Brooklyn Follies
(traducida por Eva Almazán) como de Ollos de auga
estamos a preparar a terceira reimpresión,
acontecemento pouco común nas nosas letras. Confirman
a viabilidade da proposta que Editorial Galaxia fixo
ese ano aos seus lectores e que queremos continuar no
presente: diálogo entre literaturas, convivencia no
sistema entre autores propios e traducións de autores
doutras linguas.

Nesta liña naceu a Biblioteca Compostela de Narrativa
Europea
, que se propón presentar catro títulos cada
ano (un por estación) e continúa a aposta por textos
clásicos galegos á par de autores novos. Queremos un
catálogo vivo, aberto e competitivo, esixente e
crítico, que non defraude ao lector.

A próxima novela de Paul Auster é, como o seu título
anuncia, unha viaxe polos seus propios personaxes,
polos seus libros e lecturas, tamén polos seus
pantasmas como creador. De seguro que non defraudará.
Domingo Villar, pola súa banda, traballa nunha nova
aventura do seu personaxe, o inspector Caldas, de tan
boa acollida na súa primeira entrega. Desta vez a
acción seica se desenvolve en Panxón, arredor do mundo da pesca e os seus negocios, as súas intrigas e o seu ambiente
característico: un universo dentro do universo.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR