En Galaxia botamos a vista atrás para ver cales foron os libros máis vendidos da nosa editorial no pasado 2018.

Encabezando a listaxe, un dos libros que protagonizou a vida literaria e cultural de Galicia o pasado ano: Anagnórise, a obra mestra de María Victoria Moreno, autora homenaxeada co Día das Letras Galegas 2018. Un clásico da literatura xuvenil que pode considerarse xa un long-seller con miles de exemplares vendidos e milleiros de adolescentes cativados xeración tras xeración pola historia que protagoniza, a ritmo de autostop, Nicolau Arís. Tamén entre os títulos que encabezan a listaxe, Leonardo e os fontaneiros, outra das obras máis relevantes de María Victoria Moreno que ademais, con motivo das homenaxes á autora en 2018, foi adaptada e levada ao teatro pola compañía Ubú, que percorreu con esta posta en escena ducias de centros.

No segundo posto, Os nenos da varíola de María Solar, unha novela que encheu teatros de adolescentes o pasado curso para falar sobre ciencia e literatura, que conquistou tamén ao público adulto converténdose nun dos títulos favoritos en galego nas Feiras do Libro, e que recuperou para nós unha das xestas médicas máis importantes da modernidade con lugar en Galicia, como demostra a placa que a propia autora descubriu no Hostal dos Reis Católicos en Compostela en 2017.

Pechan a primeira metade da listaxe outros dous long-sellers desta casa: Chamádeme Simbad de Francisco Castro, con ilustracións de Manel Cráneo, que triunfa entre pequenos e maiores axudando a visibilizar a doenza do Alzheimer; e Memorias dun neno labrego, o clásico de Xosé Neira Vilas que suma lectores e nos lembra as dificultades de medrar, a importancia de cada descuberta e a promesa de non esquecer o lugar de onde vimos.

Tamén entre os favoritos os dous libros publicados ata o momento por Antía Yáñez: Senlleiras (Premio Illa Nova 2018), que entra na listaxe dos máis vendidos do ano despois de tan só cinco meses nas librarías; e O misterio de Portomarín, que este ano verá publicada a súa continuación O misterio do torque de Burela, unha nova aventura da man de Antón, Sabela, Iria, Carola e Venres.

Finalmente, completan o top 10 algúns habituais destas listaxes como Made in Galiza de Séchu Sende, Ollos de auga de Domingo Villar ou a tradución ao galego de O principiño de Antoine de Saint-Exupéry.

Oxalá o 2019 veña igual de cargado de boas lecturas!

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR