Os fíos do infantil. InnovArte Educación Infantil é o traballo gañador do XXXVI Premio Marta Mata de Pedagoxía, as experiencias docentes de dúas mestras brillantes. Preséntase o marte 27 de xullo, ás 10.30h no MUPEGA, en Compostela. O acto contará coa presenza do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e co director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro. Tamén estarán as súas autoras, Ángeles e Isabel Abelleira, as únicas docentes que contan cos dous premios de educación máis prestixiosos do Estado.

As súas experiencias ao longo dos anos de profesión están contadas neste libro que emociona, que achega os seus coñecementos de mestras comprometidas coa calidade e a innovación educativas. As súas ideas brillantes, as reflexións cheas de sentido, as críticas consistentes fan desta obra unha guía de recursos que melloran as competencias profesionais dos mestres e os coñecementos dos pequenos e das pequenas, lonxe de modas pasaxeiras e de urxencias burocráticas. Un libro que inspira para que cada persoa que o lea atope o seu propio camiño. Unha aposta decidida por unha escola segura de si mesma, pola calidade, pola creatividade, pola vida, pola educación integral, a favor dos nenos e das nenas e, tamén, das súas familias. Unha reflexión e uns recursos froito dunha práctica cotiá continuada, cunha base científica e unha técnica solvente e actual.

Ángeles (Ames, 1966) e Isabel Abelleira Bardanca (1970) son mestras de educación infantil, a primeira na EEI Milladoiro e a segunda no CEIP A Maía, ambos os dous no Concello de Ames (A Coruña). Milladoiro é unha escola parvulario de 12 unidades onde o alumnado procede de familias traballadoras, moitas de orixe estranxeira. A Maía é unha macroescola de 3 liñas con 9 unidades de párvulos, situada nunha contorna residencial de nivel sociocultural medio-alto. En 2010 estas irmás abriron o blog InnovArte Educación Infantil (http://innovarteinfantil.wordpress.com), que actualmente xa ten máis de 1.000 entradas, cheas de experiencias e reflexións educativas. Con esta iniciativa na rede gañaron o Premio Giner de los Ríos e con este libro que tes nas mans o Premio Marta Mata de Pedagoxía, sendo as primeiras docentes en ter as dúas distincións máis importantes no ámbito educativo en España. A súa experiencia non é só de aula, engloba tamén a dirección de centros, a formación do profesorado e a administración educativa onde tiveron responsabilidades na innovación e ordenación educativa.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR