O verán chega a Pontevedra este domingo da man de Xoán Curiel

Categoría: Nova

Estamos no Verán é a primeira novela-disco da literatura galega. Un diario que nos conta a historia dun grupo de amigos cun grande soño: crear un grupo de música. Editado por Galaxia e destinado ao público preadolescente, Estamos no verán é moito máis que un libro. Así, sobre un texto de Charo Pita, e con músicas de Xoán Curiel, o volume constitúe case unha peza de coleccionista, na que o deseño final e as ilustracións chegan da man de Iván R.

Parte fundamental desta novela, inspirada en cinco rapaces e rapazas que se dispoñen a gozar dunhas vacacións repletas de novas experiencias, é o cedé que a acompaña. Un disco no que Xoán Curiel debulla toda unha serie de vivencias a través de cancións sumamente pegadizas nas que atopamos ritmos como o rock, o blues o hip hop ou a bossa nova. A partir deste traballo discográfico xorde o espectáculo do mesmo nome, Estamos no verán, que esta fin de semana fará escala en Pontevedra. A proposta musical, na que Curiel estará acompañado pola súa banda son+d2, traerá o ambiente estival ao Pazo de Congresos de Pontevedra, grazas a temas como Voume para a praia!!, Arco da vella, A illa…

Pequenos e maiores poderán gozar dunha proposta pensada para o desfrute de toda a familia, con moito ritmo, coreografías e historias de máxima actualidade. Cancións movidas con letras nas que se verán reflectidos os cativos, pero tamén os pais e as nais que os acompañen. A liberdade, as ansias de aventura, a noite de San Xoán…, son só
algúns dos temas reflectidos neste traballo, que bebe de certo aire vintage dos anos 70 e 80, e levará a máis dun e dunha a lembrar os seus anos mozos.

O concerto deste domingo, no seo do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, terá lugar a partir das 18.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura da cidade. As entradas, a un prezo de 3 euros, poderán adquirirse unha hora antes do seu comezo no vestíbulo do propio recinto.

Pase para o público escolar
Tamén no seo do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, Xoán Curiel e son+d2 ofrecerán un segundo espectáculo o luns 9 a partir das 11.30 horas. Neste caso, o acceso ao recital estará restrinxido ao público escolar, e contará coa presenza de centos de rapaces e rapazas procedentes de nove centros de ensino da nosa comunidade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email