No mes de xullo cúmprense 70 anos do banquete en que Alfonso R. Castelao presentou en Bos Aires a súa obra cimeira, Sempre en Galiza. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Fundación Castelao, celebrará mañá, 4 de xullo (12:30 horas), cun acto institucional no Parlamento de Galicia e varias accións divulgativas. O acto estará presidido por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao.
O acto institucional contribuirá a destacar a relevancia da obra de Alfonso R. Castelao, Sempre en Galiza, a través da lectura de fragmentos da obra, así como da súa explicación. Ramón Máiz, Justo Beramendi e Henrique Monteagudo, responsables da edición crítica do texto que editou o Parlamento en 1992, intervirán para darlle unha visión actual do significado da obra de Castelao. Deseguido, personalidades representativas do mundo da cultura como Víctor Freixanes, Inma López Silva, Marcial Gondar, Siro López ou Margarita Ledo, entre outros, lerán diferentes fragmentos breves da obra de Castelao. Canda eles, proxectaranse varias lecturas realizadas por personalidades galegas ou descendentes de galegos que viven fóra de Galicia e que quixeron contribuír coas súas gravacións á difusión da obra. A xornalista María Solar será a presentadora dun acto que contará co acompañamento musical do grupo InVento.
Accións divulgativas
De xeito paralelo ao acto institucional, o Consello da Cultura Galega desenvolve outras accións encamiñadas a un maior coñecemento de Sempre en Galiza. Entre elas, destaca unha aplicación para dispositivos móbiles, un spot promocional e un sitio web conmemorativo que acolle as gravacións de lecturas internacionais.
A edición dixital aumentada do texto consiste nunha aplicación para tablets e móbiles Apple e Google Android, de descarga gratuíta, editada polo Consello da Cultura Galega e a Editorial Galaxia, coa colaboración do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela. A app contén o Sempre en Galiza completo e numerosos contidos adicionais, como os estudos sobre o proceso de creación e documentación da obra, materiais adicionais, biografías de Castelao, fotogalerías, vídeos, etc.
As actividades de difusión arrincaron o pasado 20 de maio cunha acción encamiñada a difundir a obra de Castelao nas redes sociais. Co hashtag #sempreengz todos os días, a través do twitter do Consello da Cultura Galega (@consellocultura) e de culturagalega.org (@culturagalega), así como do Facebook das dúas webs, ofrecemos unha escolma de frases extractadas da obra para facilitar o seu coñecemento e que se difunden a máis de 15 000 persoas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR