O significado metafísico da Saudade

Categoría: Nova

"Filosofía da saudade", publicado por primeira vez en 1984, recolle os ensaios escritos por Ramón Piñeiro sobre o significado metafísico da saudade como sentimento constitutivo da singularidade do ser, unha das grandes achegas, segundo o autor, da tradición cultural galega e portuguesa á cultura universal. A experiencia da saudade como determinación do home galego, como xermolo da cultura e identidade que son expresión dun país e dunha historia.

Desde o significado metafísico da saudade ao concepto de cultura e a súa concreción no que Piñeiro denomina "conciencia da propia personalidade", o autor rastrexa as pegadas que a saudade deixa na literatura rosaliá e na tradición galego-portuguesa acompañándoa dunha reflexión sobre a saudade como artelladora da idea de comunidade, a comunidade tamén como xeito de
xestionar o legado da historia e dos devanceiros.

RAMÓN PIÑEIRO (Armea, Láncara, 1915-Santiago de Compostela, 1990) participou na fundación da Mocidade Galeguista da cidade de Lugo, onde, en 1936, foi elixido secretario do Comité Provincial para o plebiscito do Estatuto de Autonomía. Mobilizado tras a sublevación militar, ao rematar a guerra civil comeza a carreira de Filosofía e Letras ao tempo que colabora na reorganización do galeguismo na clandestinidade. En 1946 viaxa a París co mandado de contactar co goberno republicano no exilio e apoiar a candidatura de Castelao como ministro; de volta a Madrid é detido e condenado a seis anos de cárcere, dos que cumprirá tres. A fins da década de 1940 instálase en Compostela e, xunto outros intelectuais e escritores, promove o inicio dunha política cultural que se había concretar na fundación, en 1950, de Editorial Galaxia, na que ocupou o cargo de director literario. Membro da Real Academia Galega desde 1967, foi director da revista GRIAL entre 1963 e 1989. Durante a transición da ditadura á democracia, participou nas negociacións para a elaboración do Estatuto de Autonomía de Galicia e foi deputado no primeiro Parlamento Galego, ao que se presentou como independente integrado na candidatura do PSdeG-PSOE. En 1983, foi nomeado presidente do Consello da Cultura Galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email